RESPECTARNOS
O respecto é un dos valores máis importantes non só para ser persoas empáticas, é moi importante para ter bos e boas amigas, compañeiros e compañeiras, unha boa relación coa nosa familia, e para crear unha comunidade cunha boa convivencia.
Para que haxa respecto dentro da aula, ou de calquera outro grupo de persoas, é fundamental aceptar as regras e as normas que se acordan entre todas elas .
Cando insultamos, menospreciamos, enganamos ou nos berramos, ás veces só coa intención de molestar, non só estamos faltando ao respecto desas persoas, tampouco nos estamos a respectar a nos mesmas.
Se observades ao voso arredor, as compañeiras e compañeiros que tratan con respecto ás demais persoas, soen ser as máis queridas e admiradas.
Escoitaches algunha vez a frase de, porse nos zapatos dos demais? Se a túa resposta é: Si, saberás a importancia de comprender o que pasa na mente e a vida das demais persoas. Se a túa resposta é: Non, entón é necesario fortalecer a túa habilidade da empatía e o respecto cara aos demais.
Non só é importante ese respecto cando estamos na aula, na rúa, na casa... tamén é importante nas redes sociais. Ao pasar tanto tempo ao día publicando comentarios, stories, gifs, fotos e vídeos do que facemos día a día, moitas veces esquecemos que detrás desa pantalla hai persoas que senten e que teñen preocupacións e problemas ou que simplemente tiveron un mal día. Moitas veces as redes son a única forma en que os outros se poden desafogar ou expresarse.
É por isto que antes de comentar ou compartir esa publicación de Instagram, ou responder a ese WhatsApp, na que os outros expresan un punto de vista persoal ou unha emoción profunda, pensa o seguinte:
- Se é un sentimento, reflexiona se ti tamén te sentiches así. Iso permitirá que poidas lembrar o mal que o pasaches nesa situación ou nunha semellante, e que calquera palabra ou comentario podería ferir ou facer sentir mal á outra persoa.
- Se é unha foto, pensa se a ti gustaríache que che fixesen un comentario negativo sobre o teu aspecto ou a túa forma de vestir. Pensa, que todas as persoas queremos vernos sempre ben e recibir sempre comentarios e mensaxes positivas.
- Se é un vídeo que che enviaron só a tí, non debes publicalo sen o permiso da túa amiga ou amigo; xa que podes pór en risco a súa privacidade ou motivar comentarios negativos doutras persoas.
Manter a túa privacidade e das túas compañeiras e compañeiros é moi importante.