NOVIDADES

NOVIDADES
Consulta neste Padlet as novidades da nosa biblioteca.

martes, 30 de maio de 2023

MOITAS GRAZAS TUSITALAS!!!

Este blog marcha de vacacións, pero o vindeiro curso prometemos estar aquí con máis contidos, emocións, sorpresas e todo o que vós queirades.

Queremos agradecervos, desde o Equipo da Biblioteca, a vosa colaboración e complicidade, tamén o voso traballo e ilusión. Os libros, coas súas historias, e a biblioteca, non teñen sentido sen ese marabilloso voluntariado, os usuarios e usuarias, a Comunidade de Booktubers, os conta contos...

A derradeira imaxe deste curso é para o Club Lector Tusitalas. Grazas polas palabras compartidas!


Que teñades un feliz verán. Cheo de risas e libros!!!





domingo, 21 de maio de 2023

O NOSO AGRADECEMENTO A TODAS E TODOS OS BOOKTUBERS!


 

Desde a biblioteca do noso colexio, queremos agradecer cada ano a participación nesta Comunidade de Booktubers, que tantas e boas recomendacións lectoras facedes.

Con seguridade, un dos agasallos máis fermosos é recomendar un libro ás compañeiras e compañeiros. Ese libro, co que pasamos horas desfrutando entre personaxes, aventuras, risas, e tamén que nos levan moitas veces a reflexionar ou pensar sobre temas dos que, ao mellor, non nos decatáramos da importancia que teñen nas nosas vidas.

Esta semana no blog, van as últimas recomendacións deste curso, a cargo dos compañeiros Aris, Elvis, Duarte e Gabriel. Pero fostes moitas as persoas que nos acompañastes ao longo destes meses, descubríndonos novas e interesantes lecturas, por todo iso, MOITAS GRAZAS!!!




xoves, 18 de maio de 2023

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

Queremos rematar esta semana das Letras Galegas cantando. Así que escollemos a última canción das Tanxugueiras. Que mellor xeito de manter viva a lingua galega que falando en cantando en galego!


AIRE




domingo, 14 de maio de 2023

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS 2023

Este ano, imos coñecer un pouco da historia desta data de celebración, o Día das Letras Galegas, xa que a persoa á que está dedicada tivo moito que ver coa decisión.

O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega, Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego (ao que se lle dedican este ano) presentaron a proposta de celebrar o 17 de maio o Día das Letras Galegas. Pensaron que o poemario de Rosalía de Castro era a primeira obra importante da literatura galega contemporánea, é dicir, considerábana a primeira obra do chamado Rexurdimento (periodo da literatura galega que abarca desde 1863, data de publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, a 1916, ano de fundación das Irmandades de Fala):

Aínda que non se coñece a data real da publicación do libro de Rosalía, elixiron ese día pola dedicatoria autógrafa da autora á tamén escritora Cecilia Böhl de Faber. E, para conmemorar o primeiro Día das Letras Galegas, publicouse unha edición critica de Cantares Gallegos, feita polo tamén escritor e estudoso, Fermín Bouza Brey.

A festividade tivo moito éxito e desde ese día, cada ano, celebramos o 17 de maio o Día das Letras Galegas, coa única condición de que, a persoa á que homenaxeamos, teña pasado un mínimo de dez anos desde a data do seu falecemento.

Nestes sesenta anos, só se lle dedicou este día a cinco mulleres e, desde este blog, queremos reivindicar a todas as que o merecen, xa que habelas hainas!

Aquí vos deixamos un vídeo que conta como empezou todo!!!










xoves, 11 de maio de 2023

A NOSA COMUNIDADE DE BOOKTUBERS, RECOMENDA BANDA DESEÑADA

 E  a última recomendación de banda deseñada é a do noso compañeiro Samiels, de 6ºB, que recomenda...

Moitas grazas, Samiels!!!




martes, 9 de maio de 2023

CANTA COMIGO


 Ola amiguiñas e amiguiños, mirade que canción máis chula fixo Magín Blanco para aprender ou repasar o abecedario!

Espero que vos guste!

Bicos Herculinossssss!!!




A NOSA COMUNIDADE DE BOOKTUBERS, RECOMENDA BANDA DESEÑADA

Hoxe é Paolo de 6ºB, o que recomenda....


Moitas grazas, Paolo!!!





 

domingo, 7 de maio de 2023

HISTORIA DA BANDA DESEÑADA GALEGA. 1 DE MAIO, DÍA DO CÓMIC



O 1 de maio foi o día do cómic, e nós queremos facerlle a nosa pequena homenaxe. Hoxe veremos unha pequena e interesante historia da Banda Deseñada Galega, e nos vindeiros días, a nosa Comunidade de Booktubers recomendan algúns cómics de interese.