Benvidas e benvidos ao noso novo proxecto da biblioteca que, estamos seguras, será emocionante, interesante, escacharemos coa risa ou botaremos algunha bágoa, a saber!... pero o que si é seguro e que viaxaremos coa emoción das palabras.
Este curso, os primeiros e segundos de EP, leredes o divertido libro de Eva Mejuto, Dez gatiñas viaxeiras, coas fermosas ilustracións de Victor Rivas, durante o primeiro trimestre. No segundo trimestre os quintos e os sextos leredes Vampira de biblioteca de Ledicia Costas, ilustrado tamén por Victor Rivas. Teremos nós algunha vampira na nosa biblioteca? Haberá que estar vixiantes! E, no terceiro trimestre, os terceiros e cuartos leredes Marta e a píntega de Elí Ríos, con ilustracións de Patricia Román; neste conto, coa súa protagonista, iremos percorrendo o mundo dos contos dun xeito moi especial. Uf! Que intriga!
Mais, como isto de ser lectoras e lectores, é tamén compartir as historias que lemos e coñecer ás persoas que estiveron durante horas escribindo e imaxinando para nós, "as autoras"; teceremos, como se fósemos arañas, unha tea tan grande de xenerosidade e ilusión que levaranos a compartir estas tres lecturas a todo o colexio.
Pero, falando das autoras: Que sabemos delas? Onde naceron? Cal é a súa sobremesa favorita? Teñen na súa casa gatiñas, píntegas ou vampiras? Cal é o seu libro favorito? Terán algunha cando se sentan a escribir? Que libros escribiron?... Para saber todos isto e moito máis teremos que investigar.
Que vos parece se facemos unha biografía de cada unha delas e, como somos moi artístas, lles facemos un retrato, pero non un deses que copiamos dunha fotografía buscada no Google, non, nos imos facer o noso " Retrato imaxinado da autora".
Faremos máis cousas divertidas, pero pouco a pouco, que é como mellor se goza do que facemos. E, este curso, o compartiremos todo no noso blog!
Empezamos, compañeiras e compañeiros de 1ºA, 1ºB, 2ºA e 2ºB! é o momento de empezar a ler o voso conto e saber que farán esas gatiñas: Viaxar, si, pero seguro que algo máis tamén. Xa sabedes que as gatiñas son moi, moi travesas.
Empeza a aventura!!!