NOVIDADES

NOVIDADES
Consulta neste Padlet as novidades da nosa biblioteca.

xoves, 4 de maio de 2017

AS NOSAS LETRAS E OUTRAS NOVAS

Aquí tedes parte da  derradeira entrevista que lle fixo o escritor Ramón Loureiro a Carlos Casares.



1
REDACCIÓN / LA VOZ 09/07/2016 13:22

Esta entrevista ten dez anos (foi publicada o 9 de marzo de 2012). Dez anos e, apenas, uns días. Tivo lugar na casa de  Carlos Casares, no lugar do Vilariño, en Nigrán, pouco antes da súa morte. Cando nada parecía facer presaxiar o drama -a perda dun escritor especialmente querido- que fixo chorar a un país enteiro. Eran palabras destinadas a un libro de conversas que non chegou a existir. A desaparición do autor de Os escuros soños de Clío fixo imposible levalo adiante. E ata agora só se reproduciran nun pequeno volume, Carlos Casares: nove retratos e unha conversa inacabada, do que unicamente se imprimiron 600 exemplares, e en edición non venal. Pódese dicir, por tanto, que é hoxe cando se fan realmente públicas. Cunha emoción, por parte de quen isto escribe, que permanece intacta. 

-¿Onde comeza a súa relación, como autor, coa literatura...? Quero dicir, ¿en que momento escribe o primeiro texto no que...? 

-Na escola. Sendo un rapaciño. Un profesor mandounos facer unha redacción (primeiro tivo que explicarnos en que consistía) e díxonos que escribísemos sobre algún feito que nos tivese impresionado. Así que...

-¿Cantos anos tería, entón? 

-Dez. Uns dez anos. Daquela era un neno moi tutelado. E o feito de que pouco antes me tivesen deixado ir só ao río, a unha merenda, para min foi algo como... ¡É que era unha das primeiras veces que saía só! E aquela sensación de liberdade, o estar así, á beira do río, xogando cos outros pequenos... A miña sorpresa veu cando o profesor viu o que eu escribira e comentou que lle gustara. «Vou ler unha redacción moi bonita», anunciou. Ademais, falou das metáforas, e dixo que non sei que, e que non sei canto. E iso foi coma se abrise un mundo novo diante de min. Ese día tomei conciencia de que se podía escribir ben ou mal. 

-¿E cal foi o paso seguinte? 

-Empezar a buscar recursos literarios. Iso fíxeno nos libros de autores como Valle-Inclán. Lía parágrafos de Valle, ou de Camba, e reescribíaos. Mercaba moitas obras da colección Austral. E enchín varias libretas con aquelas reescrituras. 

-Ou sexa, que a súa vocación de escritor... 

-É que eu penso que a vocación de escritor veume máis tarde, despois de interesarme polo propiamente literario.

-Ben, pero vostede xa trata daquela de formar un estilo, de adquirir unha técnica que lle permita expresar o seu pensamento con eficacia. 

-Si, intento facelo. Aínda que os que me empezaron a chamar escritor foron os outros rapaces. Esa palabra non saíu de min. ¡O compañeiro de pupitre que eu tiña, Carracedo, foi quen puxo o meu nome nunha Historia da Literatura que tiñamos...! [sorrí].

-Tamén publicou un periódico escolar. 

-Si, El Averno. Facíao eu todo. En papel barba. Catro páxinas, tiña. Lembro unha entrevista que lle fixen [nel] a un pobre... 

-E escribiu, ademais, teatro.


-Pero iso foi despois. Daquela xa debía de ter uns quince anos. Escribín catro ou cinco pezas. E representábanse, ¿eh? [sorrí de novo]. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario