mércores, 20 de maio de 2015

SABEDES QUE ...

PICASSO VIVIU NA CORUÑA E A SÚA VIDA ESTÁ CHEA DE CURIOSIDADES?







O berce artístico de Pablo Picasso é A Coruña, ao pé do océano Atlántico, na esquina oposta ao Mediterráneo que baña a súa Málaga natal e a súa xuventude barcelonesa. Tratase dun dos maiores xenios do século XX. Picasso iniciouse como artista na cidade galega na que viviu coa súa familia tan só tres anos e medio, entre o outono de 1891 e a primavera de 1895, aínda que nun momento crucial ao tratarse desta etapa ponte da vida na que un muda de neno a adolescente.
Pablo Ruiz, que aínda non asinaba co seu apelido materno que convertería en mundial, tiña apenas 13 anos cando, hai agora exactamente doce décadas, espuxo ao público os seus primeiros lenzos, primeiro no escaparate do bazar Hernández e ao mes seguinte nunha tenda de paraugas, ambas as dúas na céntrica rúa Real.

ESTAS SON ALGUNHAS CURIOSIDADES DA SÚA INTERESANTE VIDA.

O seu verdadeiro nome

O nome completo do pintor constaba de 23 palabras: Pablo Diego José Francisco de Paula Juan Nepomuceno María de los Remedios Cipriano de la Santísima Trinidad Mártir Patricio Clito Ruiz e Picasso. Non obstante, fíxose coñecido mundialmente como Pablo Picasso.

Creron que nacera morto.

Logo de que a súa nai o deu a luz, a parteira creu que estaba morto debido a que non reaccionou ao momento de nacer. Entón, deixouno recostado nunha mesa para poder atender á súa nai. O seu tío, presente no lugar, viu a situación e tiroulle unha bafarada de fume de cigarro enriba, o que fixo reaccionar ó recén nacido.

Le picador.


O seu primeiro cadro completouno á tenra idade de 9 anos e chamoulle " Le Picador". Esta pintura é o retrato dun home xunto ao seu cabalo. A Picasso encantáballe contar anécdotas da súa nenez. Entre os seus recordos máis entrañables están os primeiros pasos  empurrando unha sillita ou unha caixa de lata de galletas "Olibet".

Primeira Comuñón.


Á idade de 15 anos realizou o seu primeiro obra académica.
Impresionante, non si?
Chamouna "Primeira Comuñón" e nela aparece o seu pai, chamado José Ruiz Blasco; a súa nai, chamada María Picasso López; e a súa irmá Lola axeonllados nun altar. Dise que pintou unha serie de pinturas relixiosas que nunca se atreveu a vender.

Estudante rebelde.

A pesar de ser un grande estudante, Picasso era enviado de xeito frecuente á "sala de detención". De todos os xeitos, el afirmou que pasaba moi bos momentos nese lugar porque as súas mestras lle permitían debuxar. Como non lle gustaba asistir ao colexio, soía inventar algunha doenza ou levábase algún obxecto do seu pai para que o fose a buscar.

O Guernica.




O cadro chamado "Guernica" foi pintado entre os meses de maio e xuño de 1937. Josep Renau, Director Xeral de Belas Artes, pediu a Picasso este cadro para ser exposto no pavillón español durante a Exposición Internacional de 1937 en París. O obxectivo era atraer a atención internacional á causa republicana en plena Guerra Civil Española.

Animádevos a buscar información sobre o que pasou en Guernica, e entenderedes esta pintura.

Un morea de obras.

O libro de récords Guinness nomeou a Picasso como o artista máis prolífico do mundo: a súa colección conta con aproximadamente 13.500 pinturas, 100.000 impresións, 34.000 ilustracións e 300 esculturas.

O artista máis roubado.

Picasso foi o artista máis roubado da historia. 350 das súas obras foros obxecto de roubo.

O soño.



"O soño"  foi no ano 2013 unha das pinturas máis caras do mundo. Vendeuse en 155 millóns de dólares. É un retrato dunha das súas mulleres.

A realeza da arte.

Picasso tiña, obviamente, unha obsesión polas súas pinturas. A súa familia conta que, cando xa era un artista consagrado, compraba castelos e completaba os seus cuartos coas súas obras. Unha vez que as paredes dun castelo estaban cheas, compraba outro palacete e comezaba a completar esta galería privada novamente.

O misterio da Mona Lisa.



No ano 1911, a Mona Lisa, o famoso cadro de Leonardo Da Vinci, foi roubado do museo parisiense Louvre. A policía tiña como principias sospeitosos a Pablo Picasso e o seu poeta e amigo Guillaume Apollinaire. Por esa razón, foron detidos e interrogados. De todas as maneiras, ningún dos dous foi declarado culpable, e foron deixados en liberdade.

Un galán.


Picasso, ademais dun xenio da pintura, era un sedutor, característica que o levou a ter moitas mulleres, a maioría máis novos ca el. Entre elas destacaron: Fernande Olivier, Marcelle Humbert, Gaby Lespinasse, Olga Khokhlova, Marie-Thérèse Walter, Dora Maar, Françoise Gilot, Geneviève Laporte e Jacqueline Roque.
Nesta fotografía está ca súa segunda muller.

Diversos períodos artísticos.


Nunha primeira instancia, entre 1901 e 1904, Picasso usaba cores primarias entre as que predominaba o azul. Usualmente as escenas retratadas polo pintor eran moi tristes: adoitaba pintar mendigos. Logo, en 1905 comezou o seu período rosa, moito máis alegre e festivo, durante o cal pintaba pallasos. Un dos seus períodos máis curiosos foi o das máscaras africanas, o cal comezou no ano 1908. Un ano despois, comeza o seu período máis característico: o cubista.

E, xa para finalizar, aquí tedes a Picasso en acción, con 69 anos.


domingo, 17 de maio de 2015

CONTOS CORTOS

E xa que celebramos os maios con tantas flores fermosas que fixestes todos e todas, aquí tedes unha, tamén fermosa historia dunha flor.



venres, 15 de maio de 2015

UNHA CANTANTE PARA AS LETRAS GALEGAS. SES

Co permiso de Ana, a nosa marabillosa mestra de música, este venres no lugar da recomendación literaria que soe acompañarnos, vos deixamos un video da cantante SES.
Esta muller é unha poeta, as letras das súas cancións nunca nos deixan indiferentes, xa que sempre levan unha mensaxe: a defensa das mulleres, dos mais desfavorecidos, mais sobre todo a defensa da nosa lingua.
Así que imos celebrar o 17 de maio co bo ritmo de SES. A canción títulase "Co xenio destrozado"


mércores, 13 de maio de 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Sabedes porque se elixiu o día 17 de maio para celebrar as Letras Galegas?

 O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega presentaron nesta institución unha proposta histórica: Que se declarase o dia 17 de maio de cada ano "Dia das Letra Galegas" como data para "recollelo latexo material da actividade intelectual galega".
Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego, expuñan que "con motivo de se celebrar aquel ano o centenario da publicación dos "CANTARES GALLEGOS" de Rosalia de Castro", a Academia deberia consagrar, con carácter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.
Estimaban que o libro rosaliano editado en 1863 "foi a primeira obra maestra coa que contou a literatura galega contemporánea" e que "a súa aparición veu a lle dar prestixio unviersal á nosa fala como instrumento de creación literaria".
Propuñase o dia 17 de maio, ó ignorarse a data da publicación do libro, por ser nese dia cando Rosalia de Castro llo adicou á tamén poeta Fernán Caballero. E si, non me equivoquei ao poñer "á poeta", xa que Fernán Caballero era o seudónimo  utilizado pola escritora Cecilia Böhl.
Aquí redes un vídeo onde vos conta con mais detalle esta historia:

Este é un rap do grupo galego "Dios ke te crew" sobre un poema de Celso Emilio Ferreiro, titulado "Deitado frente ao mar", no que o poeta conta o porque de defender e falar a súa lingua, o galego.


martes, 12 de maio de 2015

SABEDES QUE ...


O LUME FOI UN INVENTO MOI IMPORTANTE PARA A HUMANIDADE?





Cando apareceu?

Suponse que o home prehistórico coñeceu o lume pola erupción dun volcán, un incendio ou a caída dun raio.
Pero non foi ata hai 350.000 anos cando o home de Atapuerca comezou a utilízalo.
Na súa orixe, o maior problema residía en coidalo para mantelo aceso ata que coñeceron como acendelo e alimentalo con combustible.
Na prehistoria utilizábase para cociñar os alimentos crus; manter afastados a animais perigosos; quentarse; as súas chamas servían como armas nas loitas e cazarías e o seu fume serviu para efectuar as primeiras comunicacións.
Posteriormente utilizouse para alumarse nas horas de escuridade (mediante velas...); en fornos... e un sen fin de cousas cotiás.
Grazas á súa aparición a civilización puido chegar onde estamos agora, achegou ao home protección ante o frío, alumeamento...

Entre os seus inconvintes ambientais, na actualidade, atopámonos con que é utilizado en ocasións de mala maneira por algunhas persoas, que provocan incendios, e que  a  combustión que produce emite gases tóxicos.

Así que xa sabedes, se ides de excursión e prendedes un lume tede moito coidado de onde o facedes, e sobre todo, asegurádevos de que o deixades moi ben apagado. Os nosos bosques son unha das cousas mais importantes para a nosa supervivencia.

domingo, 10 de maio de 2015

CONTOS CORTOS

O conto corto de hoxe, descríbenos a obra dun dos xenios da pintura española, Salvador Dalí, que xunto con Picasso, que moitos xa coñecedes, escribiron a través do seu pincel, historias moi fermosas.

Disfrutade das imaxes!



xoves, 7 de maio de 2015

RECOMENDACIÓN LITERARIA DOS VENRES.

Este venres a recomendación literaria é de Iago, da aula de 3ºB.
Moitas grazas Iago, moi interesante a túa achega.


mércores, 6 de maio de 2015

SABEDES QUEN ...

INVENTOU O FUTBOLÍN?

Pois foi un galego, Alexandro Finisterre, poeta, editor e inventor. Naceu en Fisterra no ano 1919, e foi o inventor do futbolín. Esta é a súa historia.



En España, no ano 1936, había unha guerra, a Guerra Civil. En novembro dese mesmo ano nun dos bombardeos, Alexandro Finisterre, que vivía nese momento en Madrid, quedou sepultado polo efecto das bombas. Como as feridas eran moi graves, levárono ao hospital de Monserrat.
Alí coñeceu moitos nenos feridos como el, que non podían xogar ao fútbol. Foi nese momento cando se lle ocorreu inventar o futbolín, inspirándose no fútbol de mesa.
Alexandro falou co seu amigo Francisco Javier Altuna, que era un carpinteiro vasco, e encargoulle a fabricación do primeiro futbolín, segundo as súas instrucións.
Nese momento non conseguiu que o seu invento fose fabricado a nivel industrial, xa que todas as fábricas de xoguetes estaban nese momento producindo armas para a guerra.
Logrou patentar o seu invento en Barcelona, en xaneiro de 1937, ao mesmo tempo que inventou un pasafollas de partituras que se accionaba co pé, creado para unha rapaza pianista da que estaba namorado.
Así que xa vedes, como case sempre, os inventos nacen da necesidade que unha persoa sinte ou percibe que outras persoas sinten por ter un obxecto, que failles a vida mais feliz ou mais doada.


luns, 4 de maio de 2015

A NOSA SEMANA DO LIBRO NA BIBLIOTECA

Xa que os libros nos acompañan a longo da nosa vida, xa que nos levan de viaxe e dannos a oportunidade de coñecer a moitos personaxes interesantes, que menos que agradecerllo cunha celebración.
Istes días tivemos a oportunidade de coñecer a historia da data da celebración do Día Internacional do Libro, e tamén a vida dos escritores nos que está inspirada esta data. Todo iso, grazas ao traballo dos e das compañeiras das aulas de 4º,5º e 6º.
Fixemos entre todos un "Conto viaxeiro" e ata tivemos ilustradores.




De todo isto, tivéchedes información a través das entradas no blog.

Pero tivemos mais ...

Visitounos o autor de "Marco Pola", Xacobo Fernandez:





Os alumnos e alumnas de 5ºA e 5ºB, representaron un conto de Roald Dalh, "Cenicienta", do libro "Contos en verso para nenos perversos", que tivo un gran éxito de público.

ACTORES:

NARRADORES: DIEGO, EUNICE, YANMILA, DANI, BENJAMÍN, CHAYANE.
PRINCIPE: KEVIN
CENI:LARA
HADA MADRINA: SABELA
HERMANASTRAS: SARA Y RUTH

Visitounos Modesto Fraga Moure, poeta e libreiro. Falou con nós de contos, de poesía,  e da marabillosa profesión de libreiro.



Os nenos e nenas de EI e 1º e 2º de Primaria, fixeron istes fermosos contos e marca páxinas:









E xa para rematar, entregamos os premios aos mellores carteis do Día do Libro. Aquí están as nosas gañadoras:







MOITAS GRAZAS A TODOS E TODAS POLA VOSA COLABORACIÓN. SODES FANTÁSTIC@S!!!

ISTO É PARA VÓS: