NOVIDADES

NOVIDADES
Consulta neste Padlet as novidades da nosa biblioteca.

xoves, 18 de maio de 2017

AS NOSAS LETRAS E OUTRAS NOVAS.

Nos vindeiros venres nesta entrada coñeceredes o cuarto no que escriben as súas historias moitas das nosas escritoras galegas. Estes pequenos relatos son unha idea do colectivo de mulleres chamado "A SEGA"  que é unha plataforma de crítica literaria no que se quere dar voz á literatura escrita, pensada e imaxinada por escritoras.





Como din elas: O tempo é chegado de okupar con enerxía o espazo público para que as lecturas críticas adopten voces ás que non se lles deu ata o momento nin visibilidade nin autoridade.


primeiro cuarto é o de María Canosa





Non subín aínda as persianas. Intúo que fóra vai frío e tamén hai luz, mais eu mantéñome nesta sorte de burbulla illada, ás escuras, en silencio. É cedo. Pero hoxe quero escribir. Un texto. Este texto. Este pequeno texto. Por iso me erguín cando o frío nos pés ameazaba con agasallarme unha catarreira máis. Deixei a cativa na cama, na miña cama, tapada. Durmida nunha placidez admirable. Pasou unha mala noite, eu unha peor.


Non me mirei sequera no espello, vin directamente aquí, á mesa da sala, que habilitei como lugar de escrita esta tempada. Porque xa non teño ese lugar, o lugar, e, ás veces, tampouco teño escrita. Ou si. Non material, pero... as historias, as palabras andan sempre aboiando en min, no meu interior. 


Eu fun, ou son, unha muller viaxeira, nai, pluriempregada, parada de longa duración, traballadora por conta propia e allea. Ao longo da vida pasei por diferentes etapas, diferentes lugares, diferentes espazos. O único que permaneceu foi a teima de observar, cazar historias, inventalas, soñalas... Podo imaxinarlle unha vida a calquera persoa que cruce pola rúa e esa é a miña escrita, construír ese mundo especial e excepcional para esa persoa que se volveu personaxe. Claro que, ás veces, non chega a materializarse nunha presada de letras escritas. Porque... Onde escribo? Cando? Como?


Escribo en cadernos, tamén no ordenador. Prefiro, sen dúbida, a escrita a man. Pero... por que? Quizais porque os podo levar no bolso, no coche, no peto do abrigo... e, se saco cinco minutos, é sinxelo facer anotacións nunha cafetaría, no banco do parque, apoiada no cadro de mando do coche. Ás veces séntome a esta mesa, tamén na que teño arriba, no meu cuarto propio, onde o frío de inverno non me axuda a estar, ou na grande que hai abaixo... Teño un cuarto de meu aquí, na casa paterna, onde vivo agora. Mais no que é a nosa casa, vai ser complicado atopar espazo. Cando vivimos en Ourense, non o tiña, e mais escribín igualmente. 


Ás veces pregúntome por que esa teima de seguir dándolle ao lapis. Escribir é unha opción moi solitaria. Non o feito da escrita en si, que tamén, eu refírome á soidade da profesión. Para comezar, porque moi poucos o entenden como tal. Escribir, desde fóra, parece unha distracción, un divertimento. Desde o meu interior, un acto de fe, de compromiso, de amor. 


Viaxei moito e agora fágoo pouco. Levei os cadernos na maleta e falei das cidades que me impactaron nalgún dos escritos. Traballei en varias actividades á vez. A miña vida era un crebacabezas no que todo coexistía facendo encaixe de Camariñas. Entre alfinete e alfinete, liberaba a tensión producida por vivir apurada escribindo. Logo quedei sen traballo e as palabras tamén se me pararon no interior. Sentábame a escribir e non era quen de facelo. Mais un día, soou o DisParo no interior e acabei por deixar manar o regato que me minaba por dentro. Foi como berrar en silencio. Naceu Ana, a nosa pequena, e o mundo tornou diferente. As prioridades, as necesidades, os tempos... todo mudou. Menos a necesidade de escribir. Quizais con outra visión, quizais doutro xeito, mais escribir. 


Ana non durmía. Polo tanto, eu tampouco. Axeitar os horarios á enerxía vital foi, simplemente, imposible. E aínda que puidese facelo... sería entre cueiros, purés de verduras, manchas de froita, axóuxeres, toneladas de roupa por lavar e acabada de lavar, con engurras ou despois de pasarlle o ferro, cereais, leite, babas, colonia de bebé... Imposible concentrarse nesa xungla, nin os sons nin os olores nin a desorde me permitiría atopar un dos cadernos baixo o monte de xoguetes desordenados. 


Mais o tempo pasa e Ana tamén medrou. E cando parecía que o pequeno universo da nosa vivenda ía collendo certa organización, conseguín traballo por conta allea. E, como de escritora non podo gañarme a vida, saímos da casa. A pequena e eu trasladámonos a Cee, cos avós maternos, e o meu home quedou alí. Por pouco tempo, porque como a realidade laboral está como está e é como é, tivo que trasladarse tamén. 


Xa nos separaban 600 quilómetros. 
Polo tanto, durante a semana, eu traballaba unhas doce horas diarias. Sería imposible facelo sen a axuda dos avós, que hipotecaron a xubilación para coidar da neta. Facía uns 300 quilómetros diarios e tentaba ir comer a casa un par de días á semana. Ao chegar, xa de noite, só quería ver a Ana. Cando durmía... o cansazo aparecía de vez. Non, minto, non era cansazo, era esgotamento. Completo. Físico e mental.


O venres, recollía a nena e facía 200 quilómetros máis. Da outra parte, Alejandro facía o dobre. Era o único xeito de xuntármonos e poder pasar o sábado os tres, tamén parte do domingo, día no que desfaciamos o camiño novamente. 


Maletas, viaxes... o tempo esfumábase. Escribir tres liñas era practicamente misión imposible. Con todo, de cando en vez acaban saíndo. 


E de súpeto, acabouse o traballo. Así que prometemos reunificar o núcleo familiar. E así faremos. Mentres, sepárannos cen quilómetros que, vindo de onde viñamos, é un luxo. Pero... as maletas, os tempos, as viaxes... seguen restando tempo da nosa vida.


Con todo, agora, en paro, a vida volveu mudar. Adáptome aos horarios do colexio da cativa. Pero iso significa estar desorganizada todo o día. Preparar a roupa, a merenda, o mandilón... Quédanme algúns minutos pola mañá e outros pola tarde, para riscar algún texto, aínda que, concentrarse entre clase e clase resulta complexo. 


Acabo, como non, escribindo con Ana ao meu carón. Se me ve prender o ordenador xa se achega, a ver se lle poño unha canción.


-          Aniña, por favor, xoga un pouco soa. –E síntome mal. 


Por suposto, continúo sen poder vivir da escrita, polo que teño que intentar facer algún outro traballo, por conta propia... Compaxinar todo iso é complexo. 


Os cadernos, con todo, seguen ao meu carón, por se nun despiste quedan cinco minutos libres, case que dentro do coche mentres agardo, e dou enfiado unha ducia de palabras con xeito. Ah. Iso si. Cando poida xubilarme, hanme reclamar os dereitos de autor. 


Con todo, hai algo que me di que intentar seguir sendo eu, apañar tempo en anaquiños onde non o hai para xuntar letras, está ben. Porque non hai moito, cando Ana me viu concentrada sobre un caderno pequeniño, no que eu escribía con letra miúda, como se non quixera descubrir o que realmente fago, agochada e acochada nun currunchiño, achegouse silandeira e debruzouse sobre as súas manciñas a observar.


-          Que fas, mami? –acabou preguntando.
-          Escribo.
-          Xa. E acabaches?
-          Non, Ana. Aínda queda moito –dixen supoñendo que o que quería era que fose xogar con ela. 
-          Pois a ver cando acabas o conto, para mo ler. 


 Con iso convencinme de que, todo o tempo que dedico á miña teima de xuntaletras, está ben empregado.

SE QUEREDES LER ALGÚN DOS SEU FERMOSOS LIBROS PREGUNTADE NA BIBLIOTECA.



Ningún comentario:

Publicar un comentario