NOVIDADES

NOVIDADES
Consulta neste Padlet as novidades da nosa biblioteca.

xoves, 9 de febreiro de 2017

AS NOSAS LETRAS E OUTRAS NOVAS.



UN PIRATA INFORMÁTICO SABOTA A REDE DE ORDENADORES DA GUERRA DAS GALAXIAS.

A rede de miles de ordenadores que une o Pentágono cos laboratorios que traballan no programa da guerra das galaxias e as principais universidades dos EE.UU, foi sabotada por un descoñecido pirata electrónico.
O sucedido pon de relevo a vulnerabilidade do sistema informático deste país, que sufriu o que se considera o "maior ataque da historia". "O grande tema é que un programa de software relativamente benigno foi capaz de pór de xeonllos a comunidade electrónica", explicou onte un experto dos laboratorios Livermore, en California, onde se investiga o Sistema de Defensa Espacial (SDE). Só en Livermore houbo que deter 8OO ordenadores ata conseguir curalos do virus.
Parece que o culpable foi un estudante de informática que tentaba introducir un virus inofensivo nunha rede de ordenadores chamada Arpanet, que é utilizada para intercambiar información e mensaxes comúns nos centros militares, universidades, laboratorios de investigación e mesmo empresas privadas. O problema estendeuse tamén a algúns ordenadores de institucións financeiras europeas e a laboratorios de investigación en Australia.
Unha voz anónima que dixo falar no nome do sabotador, chamou a The New York Times para explicar que o experimento se lle foi das mans por un pequeno problema de programación que fixo que o virus -que se comporta de maneira similar aos biolóxicos- se multiplicase a través da rede informática centos de veces máis rapidamente do previsto. O bichiño atacou as máquinas que utilizan o sistema operativo Unix embotellando os seus almacéns electrónicos e obrigando a pechar os ordenadores por falta de memoria.
Aínda que a maioría dos afectados xa foran curados onte, o virus continua durmindo nas contas electrónicas de centos de outros ordenadores.
Unha empresa de California que fora atacada distribuíu ás vítimas da sabotaxe un programa especial cun antídoto para acabar co virus. "Isto está causando moitas dores de cabeza e enormes perdas de diñeiro", dixo un experto da Universidade de Harvard.
O autor, segundo o comunicante anónimo, está abraiado polas consecuencias do seu experimento. O Pentágono estableceu o xoves un centro de emerxencia para resolver o problema e reforzar as partes máis débiles da rede electrónica que permitiron a entrada do virus.
A epidemia desatouse na noite do mércores (madrugada do xoves en Galicia) nos laboratorios Livermore, en Berkeley. De alí pasou á universidade de Stanford e á NASA. Despois saltou á Costa Leste, aos ordenadores do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts e ás universidades de Harvard, Princeton e Columbia. O Mando Aéreo Estratéxico e a supersecreta Axencia Nacional de Seguridade (NSA), dedicada á espionaxe electrónica, forman parte tamén da rede infectada.

Por sorte, o virus non estaba ideado para borrar o material almacenado e só atrasou o traballo dos ordenadores ou pechou moitos deles por conxestión. 

E, despois de ler este artigo que, ainda que inventado, poderia ser certo.. Pensades que é bo ter tanta dependencia da tecnoloxia?

Ningún comentario:

Publicar un comentario