Tiven a honra de participar co meu cuarto nesta fermosa idea do grupo A sega. Aquí tedes o meu recuncho onde escribo as miñas historias e o meu relato.
Por Beatriz Maceda Abeleira
Son filla única e nai de fillo único. Como filla sempre
gocei dun cuarto para min soa, como nai, deixaron de existir os espazos
privados durante anos. A noite, e non sempre, converteuse nese cuarto
silencioso no que en ocasións as palabras agromaban con xenerosidade.
Cando era pequena e viñan amigas a casa o primeiro que
dicían era que apenas había xoguetes e a súa cara de decepción, co tempo,
deixou de molestarme. Para xogar prefería a rúa, no meu cuarto os libros eran o
máis valioso que tiña e co que máis gozaba.
Sempre me custou compartir espazos e segue sendo así. Só
o meu fillo conseguiu que fose xenerosa nese punto durante uns anos.
Agora vivo exiliada na cidade, nun ático, cun recuncho no
dormitorio co mar en fronte. Ese mar herculino que é o que me dá un espazo
infindo, que algún día tamén terei que abandonar.
Escribindo acado rodearme dunha esfera case infranqueabel
na que loito cos meus personaxes, que saen e entran dela con desvergoña. Máis
en ocasións, alguén, cos seus poderes afectivos, logra traspasala. Porque
sempre hai un personaxe principal, real, ao que é imposible non deixar pasar.
Por onde ía eu?
Ningún comentario:
Publicar un comentario