Unha comunidade educativa é, ou debe ser, ese espazo en que todas as persoas aprendemos, mais sempre pensamos que son os alumnos e alumnas as que van ao colexio a adquirir coñecementos, e iso, por suposto, forma parte do que é esa comunidade, mais sen afecto, comprensión, complicidade e ese tecer redes que tan ben soubo facer durante anos a nosa compañeira e mestra, Ángeles, a comunidade estaría incompleta.
As alumnas e alumnos que pasaron polas súas aulas, encontraron nela unha mestra sempre disposta a escoitalas e comprendelas, desde a calma e desde a empatía. Nós, as súas compañeiras, atopamos unha muller cun eterno sorriso e o tempo sempre ao noso favor para escoitarnos, e nunca faltou o sentido do humor, o respecto e a educación que fan que o día a día, a vida, sexa moito mellor.
Hoxe, inauguramos no colexio un espazo no que lembrar ou procurar, esa calma e empatía, que sempre transitou polos corredores do noso colexio da man da nosa compañeira, "O recuncho de Ángeles".
Grazas, compañeira, segues en nós e con nós, sempre!!!
Tamén queremos agradecer á ONG, Arquitectura sen fronteiras, en especial a Marta, Sonsoles e Sabela; e á Fundación Érguete, con Rosaura e todo o seu equipo, que entre todas fixeron posible que hoxe teñamos este espazo no noso colexio.
Así, con cariño, espírito de comunidade, e persoas especiais, é como facemos comunidade educativa e afectiva, porque ao final, como título dun libro do escritor Agustín Fernández Paz, o único que queda é o amor, e son os seu fíos invisíbeis os que sempre nos manteran unidas.
Aquí vos deixamos un vídeo dunha mañá chea de emocións!
Ningún comentario:
Publicar un comentario