Páxinas

Pages - Menu

domingo, 5 de marzo de 2023

8M. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER. ESCRITORAS CON SEUDÓNIMO.

Esta semana o noso blog estará dedicado ao 8M, O Día Internacional da Muller. A mellor noticia sería non ter que lembrar cada ano as desigualdades que existen nas sociedades entre homes e mulleres, pero a realidade non é así. E aínda, que nalgúns países do mundo imos avanzando en dereitos, quedando moito por facer, noutros as mulleres sufren inxustizas e desigualdades que, en ocasións, as leva a perder a vida ou a vivir en condicións infrahumanas.

Son moitos os eidos desde os que podemos esixir xustiza e igualdade e, sen dúbida a literatura, tamén é un deles. Durante séculos, as mulleres estiveron separadas do mundo literario, non se consideraba a súa opinión agás que falasen das tarefas do fogar e do coidado dos fillos e fillas, mais houbo compañeiras que tendo que aguantar críticas ou escribindo con nomes masculinos, para ocultar a súa identidade, si o fixeron. Tamén, co tempo, descubrimos que moitos libros que figuraban escritos por homes, foran escritos por mulleres.

Imos coñecer algunhas das mulleres que tiveron que escribir cun seudónimo. E empezamos con Mary Shelley, autora do famoso libro Frankenstein.


O nome de Mary Shelley vai unido para sempre ao de Frankenstein. Este relato significou o nacemento dunha das criaturas máis importantes do universo de terror.

O nacemento deste personaxe é moi interesante. Era maio de 1816 cando Mary Shelley veraneaba en Vila Diodati, xunto ao lago Xenebra, en compañía do poeta Lord Byron, o mozo médico John Polidori e o seu futuro esposo, o poeta Percy Shelley. Unha noite decidiron facer unha competición de historias terroríficas e da pluma de Mary Shelley saíu a criatura que hoxe todos coñecemos: Frankenstein.

O relato nacía dun soño que a escritora tivera a noite anterior e que decidiu aproveitar para gañar o reto literario. Despois publicouno baixo autoría anónima. A sociedade daquel entón deu por feito que un relato tan terrorífico non podía ser escrito por Mary, senón que tiña que ser a pluma do seu esposo Percy Shelley a que se atopaba tras aquel relato horrendo.

Se queredes desfrutar desta marabillosa novela, podedes atopala na nosa biblioteca!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario