Páxinas

Pages - Menu

xoves, 16 de marzo de 2017

TEMOS CARTA DE HERCULINO.

Ola nenas e nenos: supoño que xa me coñecedes pois tiven  a sorte de ser retratado por un gran pintor na vosa biblioteca.
Chámome Herculino, teño 230 anos e estou aquí para axudar a Draco, que como vedes xa está tan maior que pasa os días tombado na cadeira de brazos.




Eu son un gnomo, e por se non o sabedes unha das nosas características é ter telepatía, por iso  estou seguro que a través dela poderemos comunicarnos moi ben.
E vos estaredes preguntando que é eso da telepatía? Pois é cando dous ou máis seres coinciden nos seus pensamentos aínda que non teñan pistas de ningún tipo, xa me entendedes.

Mais teño que recoñecer que ás veces a telepatía sofre interferencias e non me preguntedes o porqué. Así que imos facer unha cousa: todos os venres teredes unha notiña miña nesas caixas de cores que tedes colgadas polos corredores do colexio ou nas vosas aulas e na fin de semana eu, ou un dos meus axudantes, pasara a recoller as que vós me deixedes a min.

Sabedes que aos gnomos gústannos moito as pedras pintadas de cores e con letras? Se queredes deixarme algunha estarei encantado de recibila.
Gussssstanme moito os agassssallossss. Vaia, xa se me escapou o “S” pásame ás vecessss, tedes que perdoar. Tamén teño outros problemiñas, pero xa volos irei contando.
Espero ser un bo axudante de Draco e que me collades moito cariño.

PD: por certo, unha das cousas que máis me gusta é ler. Se queredes podedes recomendarme libros.


Bicos gnómicos. Xa sabedes co nariz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario