Unha festa de paz e diversidade
O Raquel Camacho, con alumnos de 31 países, festexa o Día da Paz cunha celebración dedicada a Nelson Mandela e a África, o continente sobre o que o colexio traballa este curso
alicia pardo | a coruña 31.01.2017 | 09:39
No colexio Raquel Camacho, os nenos non estudan por aulas, senón por tribos. Tribos que formaron eles, coas súas leis e os seus escudos, e que supoñen só un pasiño máis no camiño trazado polo centro para que os alumnos coñezan África. O nome dese percorrido é o da iniciativa da biblioteca do colexio, 'E ti que pintas?', un proxecto que persegue dar a coñecer as distintas nacionalidades dos estudantes a través do arte. Por medio del, os nenos están a facer pinturas africanas, lendo contos do lugar como o de Nelson Mandela, e construíndo vivendas típicas con envases reciclados de cara á celebración do entroido
O colexio público Raquel Camacho celebrou onte o Día da Paz en base á temática arredor da que levan xirando desde comezos deste ano: África. O centro, que dedicou a data ao pacifista Nelson Mandela, organizou un festexo no que participaron todas as clases, desde Infantil ata 6º de Primaria, e que incluía a interpretación dunha canción en afrikaans e unha solta de pombas. Ademais de pola figura de Mandela, a relación da festa co continente africano debeuse a unha iniciativa da biblioteca do colexio que, baixo o nome de E ti que pintas?, articula desde fai dous anos toda unha serie de actividades dirixidas a aproveitar a riqueza cultural das distintas nacionalidades coas que contan os seus estudantes.
"Somos o colexio con máis nacionalidades da Coruña, temos 31 diferentes", conta a mestra e coordinadora da biblioteca, Beatriz Maceda. "A idea é transmitir todas esas culturas a través do arte, de xeito que cada curso trate algún dos países dos que procedan os nenos que temos aquí", engade. Dentro de esa longa lista atópanse lugares como Panamá, Cuba ou China, pero sobre todo África, o máis representativo no colexio: "Temos estudantes de Senegal, Nixeria, Etiopía... Por iso escollimos todo o continente", explica Maceda.
Para levar este espírito africano ao centro na celebración, vinte nenos leron frases sobre a paz en nixeriano e wolof, ademais de en galego; e recitaron o poema Invictus, o texto de Ernest Henley que tanto axudou a Mandela no seu tempo en prisión. Tras iso, os alumnos uníronse ao resto dos seus compañeiros para cantar Jambo Bwana, unha canción en afrikaans que se interpretou antes da solta de pombas. "Escollimos Jambo Bwana porque era doada de aprender, e tamén pola mensaxe. A letra fala de Kenya, dicindo que é unha cidade de paz e amor na que todo forasteiro é ven acollido", di a mestra.
A preparación dos nenos de cara ao festexo non consistiu, porén, só na canción. "Os maiores viron a película de Invictus, porque queríamos que coñeceran a unha personaxe como Nelson Mandela, e que soubesen o que era o apartheid. Estaban todos alucinados, porque para eles non existe a segregación. Iso está moi ben, pero tamén é importante coñecer a historia para que non se repita", explica Beatriz Maceda.
O ano que ven, o colexio está pensando en dedicarlle o curso a Romanía, un país do que proceden moitos dos seus estudantes. "É un país marabilloso, que sofre se cadra moitos máis prexuízos, pero para iso está a escola. A escola pode mudalo todo, porque se precisa o coñecemento para que cambie", asegura.
SE ENTRADES NESTE ENLACE PODEREDES VER A GALERIA DE FOTOGRAFÍAS.
UNHA VEZ MÁIS GRAZAS. SEN VÓS NO SERÍA POSIBLE!!!
http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2017/01/31/unha-festa-paz-e-diversidade/1148058.html