Páxinas

Pages - Menu

xoves, 15 de setembro de 2016

AS NOSAS LETRAS. AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ.

Os venres no blog da biblioteca, dedicaremos esta sección a coñecer mellor a literatura galega máis actual. Iremos coñecendo autores de literatura infantil e xuvenil e poderedes disfrutar da lectura dalgún texto.
Se vos apetece coñecer algún escritor, escritora, poeta; non tedes máis que pasar pola biblioteca no recreo e estaremos encantados de poder satisfacer a vosa curiosidade literaria ou escribir nesta sección sobre as vosas recomendacións.

Hoxe imos a inaugurala cunha triste noticia que aconteceu este verán. Deixounos Agustín Fernandez Paz, autor que moitos de vós seguro que coñecedes e leíchedes algún libro del.
Agustín, que era mestre, dedicou a maior parte da súa vida a escribir libros para nenos pequenos e non tan pequenos. Os seus libros foron traducidos a moitos idiomas e recibieron moitos premios.
Toda a súa obra está escrita en galego, lingua pola que loitou sempre, espallando o seu amor por ela alá onde fose preciso.



Máis, tamén é certo que os escritores nunca nos deixan, xa que quedan os seus libros para seguir facéndonos compañía.
É dificil escoller un libro de Agustín Fernández Paz, así que imos a coñecer uns parágrafos do libro "Trece anos de Branca".

Como todas as noites, Branca colleu o calendario que tiña enriba da mesa de noite e riscou cun rotulador vermello a data correspondente a aquel día. era unha operación que se repetía desde había algo máis dunha semana, desde a tarde en que escoitara as palabras coas que don Carlos, o médico que viñera recoñecela, lle resumira a situación a súa nai:
- Hepatite. As análises confirmaron o que eu xa sospeitaba. Ten as trasaminasas moi altas e iso quere dicir que se trata dunha hepatite vírica. Hai que empezar o tratamento desde hoxe mesmo:repouso absoluto, cando menos durante cinco ou seis semanas, e un réxime de comidas coma o que agora lle vou sinalar.
A Branca, que escoitara desde a cama a conversa que súa nai e o médico mantiñan no cuarto do lado, caéralle o mundo enriba. Fora o vinte e oito de abril, alí estaba ben sinalado no calendario. " Aínda que , en realidade, debería ter riscado tamén os cinco días anteriores", pensou. Porque xa os pasara na cama, crendo, tanto ela coma seus pais, que o que tiña era unha vulgar gripe de primavera, desas que se curan cun tempiño na cama e cunhas aspirinas.
Pero súa nai empezárase a estrañar de que a febre non baixase, da alarmante falta de apetito e, sobre todo, daquela cor amarelenta que empezaran a ter os ollos de Branca. Chamaran o médico e este, logo de examinala, mandara realizar as oportunas análieses. E os resultados, polo que se vía, non ofreceran lugar a dúbidas.
Branca empezara a ser consciente do que a agardaba cando súa nai, despois de que se foi o médico, sentou na cama, cabo dela, e lle explicou brevemente en que consistía a enfermidade e que tiña que facer para curala. Tratábase dunha inflamación do fígado, producida por un virus, e tiña unha curación lenta e esixente. Debía gardar repouso absoluto na cama durante dúas semanas e pasar logo outro tempo de convalecencia, no que xa se podería erguer algo pola casa, pero sen facer esforzo ningún, ata completar o mes e medio do que falara don Carlos. E seguir ademáis, un réxime de comidas moi severo, con pratos lixeiros dos que debían desaparecer totalmente as grasas. un réxime de cousas cocidas e de moitas verduras.
Despois, a propia Branca xa se encargara de consultar as dúas enciclopedias que había na casa e, sobre todo, un groso libro de medicina que seu pai lle trouxera da biblioteca. E así, nos primeros días, informouse de moitas cousas máis. Soubo das funcións do fígado, tan importantes, e nas que, aínda que xa as estudara en Ciencias Naturais no colexio, non reparara nunca. E soubo que, no fondo, aínda tivera sorte, porque a súa era unha hepatite vírica das do tipo A, que curan máis doado e teñen moitas menos complicacións ca outras.
Co calendario na man, Branca lembrou aqueles primeiros días na cama, cando se tivo que afacer a convivir coa enfermidade que a  había de acompañar durante tanto tempo. A primeira semana pasárao mal e mesmo se lle foram as ganas de facer nada: só quería durmir e durmir, era o único xeito de esquecer a súa situación. A idea de pasar case dous meses na cama ( Abril- maio, maio -xuño. Cando cure, xa case estará o curso acabado. ¿E que fago eu daquela?

¿Que pensades que pode facer agora Branca para non aburrirse? 

Aquí tedes unhas imáxes do noso escritor, Agustín Fernández Paz.





Ningún comentario:

Publicar un comentario